Sunday 08 de September de 2024

Cerdido destina máis de 45.000 euros a renovar o parque infantil da área recreativa O Castro


 Substituirase o chan e os 6 xogos existentes por uns novos e actualizados

 Segundo indica o alcalde, Alberto Rey, “é dun dos espazos do municipio que ten máis uso por parte da rapazada, polo que consideramos moi importante que goce dunhas instalacións óptimas, renovadas e seguras para que os nenos e nenas xoguen alí”

O Concello de Cerdido vai renovar o parque infantil da Área Recreativa de O Castro, cun investimento de 45.466 euros.

Na actualidade, este recinto conta con diversos elementos nun estado deteriorado debido ao paso do tempo e ás adversidades climatolóxicas. Así mesmo, o pavimento de caucho existente está a xerar descontinuidades.

Por este motivo, preténdese executar unha nova pavimentación absorbente a impactos de caucho continuo, así como a substitución dos 6 xogos existentes, tanto os individuais como os dobres.
Segundo indica o alcalde, Alberto Rey, “a área recreativa O Castro é dun dos espazos do municipio que ten máis uso por parte da rapazada, polo que consideramos moi importante que goce dunhas instalacións óptimas, renovadas e seguras para que os nenos e nenas xoguen alí”.
“Desde o noso equipo de goberno pretendemos renovar e realizar labores de mantemento en todo o termo municipal para poñer en valor as instalacións públicas das que dispoñemos, manténdoas en bo estado para o uso da veciñanza” engadiu.